Quen son os Electrecos?


Ola! Somos os Electrecos: EcoCarlos, EcoPili, EcoLoli, EcoBraulio, EcoSonia e EcoTatá. Os Bolechas convertémonos en superheroes da reciclaxe dos RAEE, Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos.


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está moi preocupada polo aumento deste lixo electrónico e a contaminación que provoca, así que decidimos axudarlles a solucionar o problema. Pero precisamos axuda!

Queremos formar un gran batallón da reciclaxe con todas as nenas e nenos galegos: seremos a Real Orde do Movemento RAEE dos Bolechas e defenderemos o planeta da contaminación, do abuso dos recursos naturais e das malas prácticas que poñen en perigo o noso medio.

Para iso precisamos da vosa colaboración, para levar a nosa mensaxe a toda a cativada. Nós imos visitar 350 colexios pero todos os centros educativos terán acceso ao material divulgativo e ás actividades e xogos didácticos a través desta web onde, nunha segunda fase, poremos en marcha un concurso de debuxo destinado a todos os centros de educación infantil e primaria de Galicia.

Axúdanos a crear un gran movemento de cidadáns “verdes”, de superheroes da reciclaxe e defensores do planeta!