Bases legais do concurso


1. O concurso

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e os SCRAP dos RAEE, en colaboración cos Bolechas, promoven un concurso de debuxo sobre a importancia da correcta reciclaxe dos RAEE para a saúde do noso planeta e da nosa propia saúde, coa finalidade principal de resaltar o papel que xoga o entorno escolar na vida das nenas e nenos galegos, facendo especial fincapé na vinculación entre a casa e o colexio. Por outro lado, preténdese fomentar a creatividade da infancia e invitala a realizar unha actividade lúdica e divertida.

A xestión do concurso é responsabilidade de Ediciones Bolanda S.L. (empresa editora dos Bolechas), con domicilio en rúa Preguntoiro 36 1.º 15704 Santiago de Compostela (A Coruña) e CIF 15969066-B.

2. Mecánica do concurso

O concurso parte coa inscrición do profesor ou profesora dunha clase de educación infantil e primaria (alumnado de idades comprendidas entre 3 e 12 anos) na web do concurso (http://www.oqueseenchufareciclase.gal/osbolechas/). Feita a inscrición, o profesor/a descargará os arquivos necesarios para participar: a folla modelo para que cada estudante faga o seu debuxo, a folla informativa para levar á casa de cara á participación individual, e a etiqueta para enviar o sobre cos debuxos.

As nenas e nenos que participen na escola, recibirán un código na folla informativa para levar á casa. Metendo ese código na web poderán participar na modalidade individual, e optar a máis premios, sen necesidade de realizar un segundo debuxo.

As nenas e nenos que non participen na modalidade escolar poderán facelo de forma individual. Para iso as familias ou persoas responsables dos menores deberán inscribirse na web do concurso e descargar a folla onde terán que facer o debuxo. Unha vez feito, poden envialo ben por correo electrónico (válidos os formatos de fotografía ou imaxe escaneada) ou ben por correo postal ao Apartado de Correos 50 de Santiago de Compostela. É importante que se identifiquen correctamente os datos do concursante (responsable/titor do menor), para máis seguridade aconséllase que os especifique no corpo do email.

A temática dos debuxos versará sobre a correcta reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) e a súa importancia para a protección ambiental da nosa contorna, da natureza e da nosa propia saúde.

3. Quen pode participar

O concurso está dirixido especialmente a centros escolares, alumnado e profesorado de infantil e primaria de toda Galicia, ademais de nenos e nenas que queiran participar de forma individual.

Os nenos deben estar inscritos no concurso polo seu profesor/a ou polos seus pais/titores, dependendo da modalidade de participación. Cómpre salientar que cada modalidade opta a uns premios concretos.

4. Prazo de participación

O prazo de participación no concurso comeza o 6 de Maio ás 08:00 horas e remata o 31 de Maio ás 00:00 horas. No caso de envío por correo postal só se admitirán os sobres selados con data non posterior ao 31 de Maio.

5. Modalidades de participación

Hai dúas modalidades de participación complementarias:

· Participación desde o colexio: fai a inscrición un profesor/a de forma colectiva. Poden participar tantas clases do colexio como desexen.

· Participación desde a casa: fai a inscrición unha persoa adulta responsable da menor que vai participar de forma persoal –e optar aos premios individuais–, tanto se participa co colexio como se non.

6. Como participar

6.1 PARTICIPACIÓN DESDE O COLEXIO

· Instrucións para o profesor

· 1. Entrar na web do concurso: http://www.oqueseenchufareciclase.gal/osbolechas/.

· 2. Entrar no apartado PARTICIPAR DESDE O COLEXIO e inscribir a clase mediante un sinxelo formulario.

· 3. Descargar a folla modelo para que cada alumno faga o seu debuxo e a folla informativa para mandar ás familias.

· 4. Imprimir tantas follas de debuxo e circulares informativas como nenas e nenos haxa na aula.

· 5. Unha vez estean feitos os debuxos, gardalos nun sobre e pegar por fóra a etiqueta (previamente descargada da web) cos datos pertinentes para facilitar a identificación.

6.2 PARTICIPACIÓN DESDE A CASA

· Desde a casa co código do colexio: Instrucións para os pais/titores

· 1. Entrar na web do concurso: http://www.oqueseenchufareciclase.gal/osbolechas/.

· 2. Entrar no apartado PARTICIPAR DESDE A CASA e cubrir o formulario para a participación. Lembre introducir o Código facilitado polo colexio na folla informativa.


· Desde a casa sen código do colexio: Instrucións para as familias/titores

· 1. Entrar na web do concurso: http://www.oqueseenchufareciclase.gal/osbolechas/.

· 2. Entrar no apartado PARTICIPAR DESDE A CASA e cubrir o formulario para a participación. Lembre introducir o Código facilitado polo colexio na folla informativa.

· 3. Descargar a folla modelo do concurso para facer o debuxo. Os debuxos que non vaian nesta folla quedarán fóra dos sorteos.

· 4. Enviar o debuxo (fotografía ou a folla escaneada) por correo electrónico a debuxa@osbolechas.com ou por correo postal ao Apartado de Correos 50 de Santiago de Compostela. É importante que se vexan os datos do concursante, para máis seguridade aconséllase que os especifique no corpo do email.

7. Requisitos legais

Cada participante acepta expresamente as bases deste concurso no momento de cubrir o formulario inicial, e por iso, declara:

· Que acepta integramente as presentes bases.

· Que o debuxo é produto do alumno/a ou fillo/a.

· Que os datos do formulario foron facilitados por unha persoa maior de idade.

· Que todos os datos de carácter persoal/profesional que se faciliten con motivo da súa participación son veraces e se corresponden coa súa identidade.

8. Selección de gañadores

Os gañadores son escollidos a través dun SORTEO ante notario entre todos os participantes. Cada unha das modalidades de participación contará co seu propio sorteo, e polo tanto optan a premios diferentes.

Os sorteos celebraranse ante notario o día 6 de Xuño ás 12:00 horas.

9. Premios

Todas as aulas que participen na modalidade escolar entrarán no sorteo dun gran premio de 3.000 euros. Ademais sortearanse entre as aulas participantes 10 ordenadores portátiles e 20 Bibliotecas Básicas Os Bolechas (colección consistente en 18 tomos de gran valor pedagóxico). En total, acadarán premios un total de 31 aulas participantes.

Na participación desde a casa (modalidade individual) sortearanse 20 Bibliotecas Básicas Os Bolechas (cada colección está composta por 18 tomos que tratan diversos aspectos da vida cotiá da cativada dun xeito didáctico e moi divertido).

Aos premios seranlles aplicadas as retencións fiscais correspondentes, de acordo á lexislación vixente.

10. Comunicación dos premios

A organización porase en contacto coas persoas gañadoras a través dunha chamada telefónica e/ou por correo electrónico. Ademais, publicarase a lista de nomes a través da web do concurso na sección de correspondente.

11. Documentación solicitada

Para poder recibir o premio, será condición indispensable que os gañadores na modalidade desde a casa faciliten á organización do concurso: copia do DNI e copia do libro de familia para confirmar a idade do fillo/filla gañador. Terán un prazo máximo de 6 días naturais desde a comunicación do premio para enviar dita documentación. Poderá enviarse por calquera destas vías:

· Por email á dirección debuxa@osbolechas.gal

· Por correo postal ao Apartado de Correos 50 de Santiago de Compostela.

* Superados estes 6 días sen recibir notificación algunha por parte dos gañadores, entenderase que renuncian ao premio obtido.

12. Entrega de premios

Farase unha cerimonia de entrega do gran premio de 3000 euros no colexio gañador, cuxa data será comunicada aos gañadores e publicarase na web do concurso. O resto dos premios serán enviados por correo postal, aos centros/persoas gañadoras.

13. Tratamento dos datos persoais

A efectos do previsto na Lei Orgánica 15/1999 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e do Regulamento de Desenvolvemento da mesma, aprobado por R.D. 1720/2007, de 21 de decembro, as persoas participantes neste concurso quedan informadas e aceptan que os datos de carácter persoal que faciliten no/s formulario/s de participación e os demais datos de carácter persoal que faciliten no ámbito deste concurso serán incluídos nun ficheiro de datos de carácter persoal titularidade de Ediciones Bolanda, S.L. para a xestión da súa participación no presente concurso, e a realización das actuación descritas nestas BASES incluíndo, a modo unicamente enunciativo: (1) a realización dos sorteos correspondentes; (2) a comunicación do premio obtido no caso de resultar o participante un dos gañadores do concurso, e (3) nese mesmo caso, a tramitación da entrega do premio correspondente. Os participantes que resulten gañadores, aceptan expresamente que Ediciones Bolanda S.L. (editora dos Bolechas) publique os seus nomes e apelidos na web do concurso e nas redes sociais dos Bolechas aos efectos da difusión da existencia do propio concurso e dos seus gañadores. De acordo coa Lei anteriormente mencionada, os participantes poderán exercitar os seus dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición mediante carta que inclúa fotocopia do DNI/NIE dirixíndose por escrito a Ediciones Bolanda S.L. entidade responsable dos ficheiros, no seguinte enderezo: c/ Preguntoiro 36, C.P. 15004 – Santiago de Compostela.

14. Aceptación das bases

As persoas que participan no concurso aceptan expresamente todas e cada unha das bases legais. O incumprimento dalgunha das BASES suporá a exclusión do presente concurso. Corresponde á organización a interpretación das mesmas así como a decisión sobre calquera posible continxencia, sendo estas decisións inapelables.

Por dificultades loxísticas, non é posible devolver ningún dos debuxos participantes aos seus autores.

As presentes bases están depositadas ante o notario de Santiago de Compostela, Doña Inmaculada Espiñeira Soto.